Desenvolvemento Sostible

O novo Período de Financiamento Europeo 2014-2020 supón unha oportunidade para as Administracións públicas e, por extensión para o conxunto dos cidadáns, que é preciso xestionar de maneira axeitada. Ábrense novas vías de financiamento e as cidades poderán acceder a fondos para consolidar ou poñer en marcha iniciativas que apuntalen o desenvolvemento dos seus territorios. Non obstante, o proceso presenta retos que é necesario abordar cos coñecementos e as ferramentas necesarias. Neste contexto, cobra especial relevancia o desenvolvemento urbano sostible integrado, xa que se configura como un ámbito prioritario para a Comisión Europea pola súa capacidade para impulsar o desenvolvemento dos territorios dende unha perspectiva sostible, equilibrada e holística. As cidades configúranse neste novo período de programación estrutural como un destino prioritario das políticas da Unión Europea.

As cidades deben estruturar as súas estratexias en función dunha serie de obxectivos temáticos (OT) prioritarios do FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) que son os seguintes:

OT2 “Mellora no uso e calidade dos servizos TIC” mediante as Tecnoloxías de Información e Comunicacións

como forma de mellorar a dimensión económica e a competitividade a través da cidade intelixente.

OT4 “Apoio á transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores” e OT6 “Preservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos”

como xeito para mellorar a dimensión física e medioambiental da cidades sostible.

OT9 “Inclusión social e loita contra a pobreza”

como forma de mellorar a dimensión social e a perspectiva da cidade integradora.

Polo tanto as medidas que atinxen á renovación física das cidades, hoxe en día deben definirse dun xeito combinado coas políticas locais en materia de desenvolvemento económico, de inclusión social ou de protección do ambiente. Neste novo enfoque é fundamental unha sólida colaboración entre a cidadanía, os axentes sociais e económicos locais así como entre as diversas administracións que actúan no territorio.

Igual que o resto das cidades europeas, a cidade de Ferrol, configurada como cidade real polo agregado urbano Ferrol-Narón, ten que facer fronte actualmente a diferentes retos que abranguen dende cambios demográficos ata as consecuencias do estancamento económico en termos de actividade e emprego, pasando polo impacto do cambio climático nas cidades. A identificación de respostas eficaces a estes retos será crucial para lograr a sociedade intelixente, sostible e integradora prevista na Estratexia Europa 2020.

07-08_AVD ESTEIRO-01